Chega unha nova entrega da serie "A cociña gourmet en conserva", da man de Conservas Pescamar. Nesta ocasión, imos preparar unha receita que nos trae os sabores da India e coa que imos aproveitar todos os beneficios dun dos peixes máis exquisitos e demandados: o bonito do norte.
O bonito do norte é un peixe azul rico en graxa saudable, xa que contén unha gran cantidade de ácidos graxos poliinsaturados. A esta calidade, hai que engadir os efectos beneficiosos para a saúde da súa presentación en aceite de oliva.
A dosa é un prato moi popular na India, especialmente no sur do país, similar a unha filloa pero preparada a base dunha pasta fermentada de arroz e lentellas. Un masala dosa elabórase a partir dunha dosa á que se lle engaden patacas, cebolas fritas e especias. Masala significa "mestura de especias".
Para preparar unha saborosa Masala dosa con bonito do norte Pescamar necesitamos os seguintes ingredientes:
Para a dosa:
- 300 g de arroz branco variedade basmati
- 100 g de lentellas (na cociña india úsase a variedade lurad dhal)
- 10 g de sementes de fenogreco (opcional)
- Auga
- Sal
- Aceite
Para o recheo:
- 1 lata de bonito do norte en aceite de oliva Pescamar
- 2 patacas grandes
- 2 cenorias
- 1 cebola mediana
- 2 dentes de allo
- 1 culleradiña de curry en po
- 1 culleradiña de coandro picado
- 1 culleradiña de xenxibre fresco
- 1 cullerada de pementa negra
- ½ culleradiña de comiño
- Sal
- Aceite
Preparación da dosa:
Primeiro, debemos hidratar o arroz e as lentellas. Para iso, introducimos o arroz nun cunco e as lentellas noutro e cubrimos con auga fría. Deixamos repousar un mínimo de 8 horas.
Escorremos o arroz e as lentellas e introducímolos xuntos nun vaso batedor. Incorporamos o fenogreco (opcional) e trituramos ata que quede unha textura fariñenta. Engadimos a auga ata obter unha pasta homoxénea, e un chisco de sal.
Deixamos repousar a masa unhas 12 horas ata que fermente, é dicir, cando presente un aspecto esponxoso ou con pequenas burbullas na superficie.
Para cociñar as dosas, primeiro comprobamos se a masa ten a textura suficiente para verterla na tixola. Se está moi espesa, engadímoslle un pouco de auga e mesturamos con coidado para que non quede demasiado líquida.
Manchamos o fondo dunha tixola cun pouco de aceite e, cando estea quente, vertemos a mestura formando un círculo, nun movemento do centro cara a fóra. Cando os bordos estean dourados, damos a volta ata que ambos os lados da masa se tosten. Procederemos da mesma maneira ata acabar toda a mestura.
Preparación do recheo:
Nunha tixola con aceite quente, sofriximos a lume medio as cebolas, o allo e o xenxibre, todo previamente cortado fino.
Engadimos as patacas e as cenorias, que antes cortariamos en anacos, e as especias. Vertemos un pouco de auga sen que chegue a cubrir, botamos sal ao noso gusto e deixamos cociñar.
Cando xa estean feitos os ingredientes e a auga consumida, retiramos a tixola do lume e incorporamos o bonito do norte en aceite de oliva Pescamar escorrido (reservamos o aceite da lata).
Presentación:
Distribuímos o recheo por cada dosa e ímolas enrolando ou dobrando sobre si mesmas. Colocámolas nunha bandexa. Para facelas máis zumarentas, esparexemos sobre cada unha un pouco do aceite da lata que reservaramos.
En dúas semanas volvemos cunha nova proposta de "A cociña gourmet en conserva" cos produtos do mar de alta calidade de Conservas Pescamar.