Marzo será "un fervedoiro de actividade feminista" en Pontevedra

Pontevedra
07 de febreiro 2019

A concelleira de Cultura e Muller, Carme Fouces, avanzou este xoves a programación organizada polo Concello de Pontevedra para este mes de marzo

A concelleira Carme Fouces posa para un xornalista gráfico
A concelleira Carme Fouces posa para un xornalista gráfico / PontevedraViva

A concelleira de Cultura e Muller, Carme Fouces, avanzou este xoves a programación organizada polo Concello de Pontevedra para este mes de marzo que promete ser "un fervedoiro de actividade feminista".

Para o 14 de marzo na Casa da Luz está prevista unha conferencia de Yolanda Díaz Galego, "unha muller brava", tal e como definiu a concelleira a esta sarriá de 87 anos que desenvolveu ao longo da súa vida un intenso labor cultural a favor de Galicia.

Yolanda Díaz Galego emigrou a Uruguai, onde traballou no Banco de Galicia e participou na fundación do Padroado da Cultura Galega. 

Fouces tamén apuntou que en marzo se presentará a campaña propia do Concello de Pontevedra con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller.

O Concello tamén previu fretar un autobús para participar na "manifestación feminista unitaria" programada para o 3 de marzo en Lugo. As inscricións abriranse o 25 de febreiro no CIM de Santa Clara.

Ademais esperan con poder presentar o cuarto Plan de Igualdade do Concello de Pontevedra. Carmen Fouces asegurou que "os traballos van a bo ritmo" e aínda que é "un traballo moi complexo" espera poder telo rematado nesas datas.

En marzo tamén se presentará unha nova edición dos cursos "Somos quen" da Concellería de Igualdade dirixidos especificamente a barrios e parroquias do rural e finalmente "daremos un paso máis na feminización do rueiro da cidade" cun acto de homenaxe ás mulleres nos espazos públicos da Boa Vila.