Visibilizar o papel das mulleres nos oficios do mar e da terra é o obxectivo das actividades do espazo infantil do Mercado de Pontevedra neste mes de marzo. Nas visitas escolares dos venres, destacaranse as profesións tradicionalmente femininas do mar (mariscadoras, redeiras, peixeiras...) e da terra (labregas, queixeiras...)
As actividades de fin de semana comezarán o sábado 4 de marzo, a partir das 12,00 horas, cun obradoiro de divulgación científica, dentro do ciclo "O mar e máis nós", sobre as especies mariñas da ría de Pontevedra, co título "A fauna mariña… na nosa praza".
A ría de Pontevedra é un espazo descoñecido por gran parte da poboación. Dentro dela, podemos atopar representantes de todas as "familias" de animais e vexetais do mundo mariño, moitos dos que forman parte da nosa nutrición e a maioría dos que podemos atopar nos mercados e prazas de abastos. Dende os máis coñecidos, coma o noso marisco, ata peixes disfrazados de cabalos ou pedras... todos constitúen a nosa historia e tradición, a gastronomía e forman parte da nosa cultura.
De xeito lúdico e divertido os asistentes coñecerán toda a riqueza biolóxica que presenta a nosa ría e a súa relación con toda a sociedade. David e María, oceanógrafos de Arenaria, tamén lles falarán aos nenos asistentes da importancia das mulleres na investigación científica mariña a través da figura de Ángeles Alvariño.
As actividades son de balde, pero hai que reservar prazano e-mail: [email protected] ou no teléfono: 604 024 645 (tamén por Whatsapp). A actividade está dirixida a crianzas de entre 3 e 10 anos.