O perfil do contratante da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas publica este mércores a licitación da obra de mellora da seguridade viaria na PO-531 ao seu paso pola parroquia pontevedresa de Campañó.
Por este motivo, a conselleira María Martínez Allegue presentou esta obra aos residentes da zona afectada nunha reunión celebrada na Delegación territorial da Xunta en Pontevedra, aínda que moitos deles xa coñeceron o proxecto cando levou a cabo o levantamento das actas de expropiación "se ben é certo que foron poucas as fincas que tivemos que expropiar".
Martínez Allegue lembrou que esta é "unha obra solicitada polos veciños" de Campañó e que consisten en "unha intervención que humanizará esta estrada PO-531, denominada estrada de Vilagarcía, desde o polígono do Bao ata a variante de Poio (a VG4)".
En total son 480 metros onde se construirán sendas peonís de 2,5 metros de ancho "que permitirán ese tránsito seguro".
Tamén se habilitará unha glorieta na subida á estrada PO-310 e darase maior seguridade ao acceso ao colexio tal e como solicitara a comunidade escolar do CEIP de Campañó en "unha demanda necesaria" con dous pasos de peóns e unha zona de aparcamento de 1.200 metros cadrados, para unhas 60 prazas de estacionamento.
"Hoxe iníciase a licitación e o prazo está aberto ata o próximo 2 de setembro", sinalou a conselleira que conta con adxudicar esta obra no primeiro trimestre do próximo ano, "para poder estar en servizo a finais do 2025".
O orzamento desta obra é de 862.000 euros, incluíndo as expropiacións.