Martín Berasategui, premio nacional de gastronomía tradicional Lola Torres

O Salnés
08 de outubro 2018

Un dos cociñeiros máis recoñecidos do panorama nacional, Martín Berasategui, engade un novo premio á súa prolífica traxectoria. Trátase do premio de gastronomía tradicional Lola Torres, que se concede cada ano coincidindo coa Festa do Marisco do Grove

Xurado do premio nacional de gastronomía tradicional Lola Torres
Xurado do premio nacional de gastronomía tradicional Lola Torres / Fundación Amigos de Galicia

Un dos cociñeiros máis recoñecidos do panorama nacional, Martín Berasategui, engade un novo premio á súa prolífica traxectoria. Trátase do premio de gastronomía tradicional Lola Torres, que se concede cada ano coincidindo coa Festa do Marisco do Grove.

O chef vasco foi elixido polo xurado entre as 139 propostas presentadas, a maioría de Euskadi, Madrid e Andalucía, ademais de tres chegadas desde Portugal.

O xurado destacou que Berasategui "é un innovador da cociña vasca, española e mundial" e dentro da súa innovación significouse "por manter a esencia da cociña tradicional sendo un gran coñecedor da mesma e de todos os produtos base de calquera cociña".

O traballo deste cociñeiro, que dirixe a día de hoxe catorce restaurantes e conta con oito Estrelas Michelín, caracterízase "pola creatividade, a invención, o profundo entendemento dos sabores e o gran respecto polos ingredientes", segundo o xurado.

Outro dos méritos que o xurado resaltou é que os restaurantes que Martín Berasategui dirixe "son selo de calidade, con cartas nas que se respecta a cociña de raíz, as materias primas e os sabores de cada zona", mesturando tradición e innovación, "proporcionando aos clientes unha verdadeira experiencia gastronómica".

As cartas dos seus restaurantes, conclúe o fallo do xurado, representan a vangarda gastronómica tanto a nivel nacional como internacional, sen esquecerse dos sabores de outrora e en especial da cociña tradicional vasca.

Sendo o premio fallado no Grove, o xurado recoñeceu ademais o labor de divulgación de Martín Berasategui dos mariscos e peixes galegos que se serven nos seus restaurantes. 

Para o cociñeiro vasco, "Galicia é un sinónimo de vangarda no que se refire á gastronomía, de suor, de loita, de perseveranza, de ambición sa na cociña e é a envexa de moitos cociñeiros do mundo pola contorna privilexiada e pola cantidade de grandes xoias na cesta da compra".

Este premio nacional de gastronomía tradicional leva o nome de Lola Torres en honra á cociñeira do Grove que se converteu nunha das referentes galegas da cociña tradicional nos anos da postguerra.

Con dezasete edicións ás súas costas, o premio xa foi outorgado a grandes referentes da cociña tradicional como Pedro Subijana, Montserrat Fontanet Sierra, nai dos propietarios do Restaurante Celler de Can Roca e propietaria do restaurante Can Roca; ou Juan Mari Arzak.