Martes de Entroido, o día da "huevada"

Pontevedra
05 de marzo 2019

O fenómeno repítese este Martes de Entroido. Convocados de maneira espontánea e citados nas redes sociais a mocidade pontevedresa xa sabe que é o día da "huevada". Esta festa causa controversia entre a cidadanía

Ovos tirados na rúa
Ovos tirados na rúa / TheeErin

O fenómeno repítese este Martes de Entroido. Convocados de maneira espontánea e citados nas redes sociais a mocidade pontevedresa xa sabe que é o día da "huevada".

Entre a cidadanía algúns piden que se oficialice e forme parte da programación. Facendo paralelismos coa legalización da marihuana, argumentan que desa forma poderase controlar e circunscribir a un limitado número de rúas ou mesmo a un recinto. Hai quen ve na "huevada" similitudes coa "tomatina" que tanta fama deulle ao municipio valenciano de Buñol.

Mesmo lembran que, tamén durante o Entroido, as rúas de Xinzo de Limia, en Ourense, tínguense de branco con máis de 4.000 quilos de fariña para celebrar a festa do "Fareleiro".

No outro extremo posiciónanse quen avoga por prohibir a "huevada" de entroidos en Pontevedra.

Na plataforma Change.org iniciouse unha recollida de sinaturas para pedir ao Concello de Pontevedra que termine con esta festa dos adolescentes na que compran ovos e fariña e tíranos entre eles tratando de mancharse o máximo posible, "isto non estaría tan mal se non fose porque a xente pásase e tira ovos a persoas que non participan na huevada, pensando que é "divertido" ou para burlarse desa persoa", dicía a petición.

"Se a xente se pasa da raia o máis sensato é prohibir a huevada", afirmaba a promotora desta petición. Tan só recibiu 18 firmas de apoio. A petición está xa pechada.

Arquivado en