A futbolista Jennifer Fermoso formalizou este martes a súa denuncia contra Luís Rubiales, presidente suspendido da Real Federación Española de Fútbol (RFEF), polo bico durante a celebración da vitoria da Selección Española no Mundial en Sidney. Compareceu ante a tenente fiscal da Audiencia Nacional Marta Durántez, un nome dabondo coñecido no sector xudicial de Pontevedra, onde exerceu durante 18 anos.
A xogadora da selección feminina compareceu ante Marta Durántez na Fiscalía Xeral do Estado e a súa declaración é imprescindible para que a Fiscalía poida actuar contra Rubiales a partir da presentación dunha querela na Audiencia Nacional.
A Audiencia Nacional é o tribunal competente para investigar os feitos porque se produciron nun país estranxeiro. A Fiscalía abriu a semana pasada dilixencias de investigación tras as diferentes denuncias de particulares contra Rubiales para ofrecer á xogadora a posibilidade de denuncialo por agresión sexual.
A Fiscalía cre que o bico na boca de Rubiales a Jenni Fermoso mentres agarraba "coas dúas mans a cabeza da xogadora" podería ser constitutivo dun delito de agresión sexual.
Marta Durántez é agora figura clave nesta investigación. Desde outubro de 2022 é Tenente Fiscal da Fiscalía da Audiencia Nacional e xa desde 2020 traballaba na Secretaría Técnica da Fiscalía Xeral do Estado.
Castelán-leonesa de orixe, Durántez licenciouse en Dereito pola Facultade de Valladolid e ingresou na carreira fiscal no ano 1998. Desde entón, estivo destinada nas fiscalías de Alxeciras, Motril e, finalmente, na de Pontevedra desde o ano 2002 ata que en 2020 se foi a Madrid.
Desta forma, Durántez foi durante 18 anos fiscal da Fiscalía Provincial de Pontevedra, adscrita aos xulgados de Vilagarcía primeiro e logo como fiscal delegada das áreas de sinistralidade laboral e violencia de xénero.