"Non se merece pasar outro inverno na protectora, imos mover ceo e terra para atoparlle unha casa", reflexiona Petra Spaniol, a madriña de Marisma, a cadela máis veterana da protectora de animais Os Palleiros.
Coma se fose unha condena, Petra lembra que esta cadela mestiza suma 9 anos, 4 meses e 14 días "sen ter unha oportunidade". Explica que Marisma leva na protectora dende o 6 de xullo de 2015, cando a atoparon nas Marismas de Alba, de aí o seu nome, cando aínda era "un cachorriño que estaba nos ósos". Nunca a reclamaron.
A relación entre Petra e Marisma remóntase a tres anos atrás. "Casualidade ou non, a min morreume unha cadela atropelada, que tamén era adoptada de Palleiros e que tiña 5 anos; entón eu con ese loito fun á protectora porque quería axudar a unha cadela de máis ou menos esa idade, que tivese moito tempo alí, para axudar á que máis o necesitase, e de aí Marisma", relata Petra.
"Levámonos moi ben dende o primeiro momento, a verdade, foi amor a primeira vista entre Marisma e máis eu", continúa. Tanto que ata pensou acollela na súa propia casa de Campañó (Pontevedra), na que reside co seu marido. "No seu momento planificamos adoptala nós, pero ao ter xa tres cans, que tamén son de protectoras de Pontevedra e Vilagarcía, puxémonos firmes e dixemos que tres é o límite".
Deste xeito, esta cidadá alemá asentada dende hai anos en Pontevedra optou por ser madriña de Marisma. Conta Petra que como socia de Palleiros fai voluntariado dúas veces á semana, os martes e os xoves pola tarde: "agora no verán é de 5 a 8 e no inverno é de 4 a 7, e aí podes estar cos cans dentro, podes bañalos, axudar tamén a limpar canís, cambiar mantas, o que sexa; ou se non tamén podes sacalos a pasear ou levalos mesmo a unha excursión ou en coche á túa casa".
A maiores, "como madriña, tamén podería avisar, sempre un día antes: 'mañá lévome a Marisma todo o día', e podes ir ás 9 da mañá para collela e despois déixala ás 8 da tarde, e pode pasar o día contigo", completa. "Eu normalmente lévoa as dúas tardes de voluntariado de paseo e, co bo tempo, o que nos gusta moito ás dúas, paseíño pola praia e despois tomar algo nunha terraza". Este momento "terraceo" é importante para dar visibilidade a Marisma, "sempre hai alguén na mesa da beira que se interesa", admite Petra.
SOCIABLE E CARIÑOSA
Estas situacións de contacto con outras persoas permítenlle demostrar que a cadela é moi sociable e cariñosa. Características que a voluntaria quere remarcar porque o principal inconveniente que atopan para conseguir un fogar para Marisma é que está catalogada como PPP (perro potencialmente perigoso) por certos trazos da súa anatomía, como o fociño, aínda que como cadela mestiza apenas se aprecie. "Mesmo teño pensado facer unha analítica xenética porque aí ves as porcentaxes e e eu creo que vai ser moi baixa", confía Petra.
"Eu o PPP non o vexo nela, nin fisicamente, e de carácter menos, é un amor, coas persoas, cos nenos, é tranquila, rebuldeira, simpática, moi agradecida con todo e tamén pasea fenomenal, coa correa non tira nin nada, é moi obediente; o outro día estivemos nunha terraza en Poio con dous cans na mesa da beira, tres na mesa do outro lado, e sen problema", insiste.
Petra anima a todas as persoas que o desexen a que se comuniquen coa protectora Os Palleiros para coñecer a Marisma, sen compromiso. Ademais, a madriña ofrécese a acompañar a posibles adoptantes e asesorarlles en calquera momento do proceso. "Unha tempada de adaptación eu encantada acompañaríalles e, como fai falta licenza, eu tamén estaría aí para axudar cos trámites, que é un simple papelame, ou se queren vir á miña casa para coñecela".
RETO MARISMA E DEV
En breve, Os Palleiros e Petra van lanzar o Reto Marisma 24, unha iniciativa para conseguir un fogar á cadela máis veterana da protectora. "Non deixo que cumpra dez anos na protectora, é imposible, outro inverno non", clama a súa madriña.
A voluntaria engade un elemento máis a esta historia: "Marisma ten un compañeiro que se chama Dev, que é como ela pero en negro e leva 8 anos na protectora". A felicidade sería completa se algunha persoa se puidese facer cargo dos dous. "Teñen os canís un á beira do outro, déixanos abertos os traballadores cando se van ás 8 da tarde e así poden gozar do patio e durmir xuntos no canil de Dev".
"Se podo pedir, unha familia, que colla aos dous, boa xente, que teña leira e se poden ser de Pontevedra e coñecidos para facerlles a visita, xa está, máis non pido, iso sería o gordo. Por moito que desexemos un fogar para Marisma, pero se Dev queda só, iso sería moi triste; e ao revés tamén, claro, alégraste polo que se vai, pero para o que queda tamén sería moi duro", remata Petra.
* Contacto con Protectora Os Palleiros: 657 023 831 / [email protected] / www.facebook.com/ospalleiros