Mario Bereda (PSOE) acusa a Wert de querer eliminar o carácter público da Educación

Pontevedra
03 de outubro 2012

O voceiro en Educación do PSOE no Congreso mantén en Pontevedra unha xuntanza cos militantes socialistas para analizar o anteproxecto de lei do PP en materia educativa

Mario Bereda, o voceiro do PSOE en materia educativa no Congreso, afirmou ante os militantes socialistas de Pontevedra que Rajoy pretende baixar os orzamentos en Educación en 306 millóns de euros e indicou que nos últimos meses se perdeu un tercio do que se investía nesta materia co PSOE. Iso significa, segundo asegurou na xuntanza mantida no Hotel Rías Bajas, que se están a perder os obxectivos mínimos de igualdade de oportunidades e a equidade en educación. E engadiu que o Ministro de Educación, José Ignacio Wert, pretende eliminar o carácter público da educación en España.

Afirma que para 2013, o PP quere reducir 48 millóns de euros en bolsas para os estudantes. Asegura que, deste xeito, a Universidade non será viable. Ademais apuntou que se se aproba o anteproxecto chegarán uns anos que van ser un filón para as academias porque só chegarán ao bacharelato e á Universidade os moi bos ou os que teñan cartos para pagar clases particulares.

Mario Bereda que estaba acompañado polo cabeza de lista por Pontevedra, Guillermo Meijón, e polo presidente provincial dos socialistas, Antón Louro, insistíu en que é necesario destinar partidas orzamentarias que garantan o sistema educativo español.

Arquivado en