Marín xa ensaia á súa Danza de Espadas para festexar o San Miguel

Marín
26 de setembro 2023

Apenas seis días quedan para que Marín entre de cheo nunha das festividades máis representativas da vila, o San Miguel. Será este domingo 1 de outubro cando se celebre o tradicional acto institucional no Concello e a posterior misa e procesión

Danza de espadas en Marín
Danza de espadas en Marín / Diego Torrado

Apenas seis días quedan para que Marín entre de cheo nunha das festividades máis representativas da vila, o San Miguel. Será este domingo 1 de outubro cando se celebre o tradicional acto institucional no Concello e a posterior misa e procesión. 

O municipio xa está engalanado coas cintas de cores azuis, vermellos e brancos e os cubos coa historia da festa colocados na Alameda, que serven para abrir boca para este domingo.

O acto institucional arrancará ás 11:00 horas no salón de plenos do Concello. Nel, o Padroado de San Miguel entregará as distincións aos cofrades de honra e imporanse as espadas de prata e douradas aos danzantes.

A partir das 12:00 horas a comitiva sairá do Concello e trasladarase ao Templo Novo do Parque Eguren, onde se celebrará unha misa solemne cantada polo Coro Thalassa.

O momento máis agardado, a procesión e o baile da Danza de Espadas, será á unha da tarde nos lugares habituais, para finalmente facer unha ofrenda floral na Praza do Reloxo ás 14:15 horas. 

Aínda que o 1 de outubro será o día grande de San Miguel, xa o sábado pola tarde, ás 19:30 horas, na Alameda bailará a danza Farsa de Santa Cristina de Lavadores, acompañada polo Grupo O Fiadoiro de Vigo.