Cinco municipios da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés superan, a día 2 de marzo, o nivel establecido pola Xunta de Galicia para avanzar de fase na desescalada, pese a rexistrar un lixeiro descenso de casos activos por covid na última xornada.
Trátase de Marín, Vilaboa, Ponte Caldelas, Vilanova de Arousa e Soutomaior, todos eles por riba do nivel de incidencia acumulada de 250 casos por cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días.
O caso que máis segue preocupando é do de Soutomair, cunha incidencia de 538, superando xa que logo o nivel máximo de alerta con 49 casos activos rexistrados (1 menos que o luns). Pola súa banda Ponte Caldelas conta cunha incidencia de 433 (24 casos activos, dous menos), Vilanova sitúase cun nivel de 361 (39 casos, un menos), Vilaboa con 287 e Marín cunha incidencia de 276 (82 casos, un menos).
No que respecta á capital provincial, Pontevedra, mantense nunha incidencia de 172 pese a contar con 9 casos activos menos que a xornada anterior (171 en total), e Vilagarcía colócase nunha incidencia de 183 (77 casos, seis menos).
Tamén descenden lixeiramente as infeccións activas en Sanxenxo con 39 casos totais (tres menos), Cambados con 36 (tres menos), Bueu con 10 (tres menos) Meis con 9 (dous menos), Meaño con 7 (un menos) e Barro con 5 (un menos).
Para rematar mantéñense sen cambios, segundo os datos ofrecidos por cada municipio, Poio con 33 casos, Cuntis con 7, A Lama con 5 e Campo Lameiro con 3, mentres que Portas suma un día máis sen casos activos de coronavirus rexistrados entre os seus veciños.
A incidencia acumulada a 14 días de cada municipio, a partir dos datos proporcionados polo Servizo Galego de Saúde, pode consultarse no mapa que acompaña a esta información.