Marín ten moito que ver… desde os seus miradores

Marín
24 de marzo 2016

O Concello de Marín puxo en marcha unha nova iniciativa de lecer. Trátase de Marín... tes moito que ver, unha ruta por cinco miradoiros habilitados polo goberno municipal desde os cales se poderá contemplar as mellores vistas de Marín e da ría de Pontevedra

Un dos miradoiros da ruta 'Marín ten moito que ver'
Un dos miradoiros da ruta 'Marín ten moito que ver' / Concello de Marín

O Concello de Marín puxo en marcha unha nova iniciativa de lecer. Trátase de Marín... tes moito que ver, unha ruta por cinco miradoiros habilitados polo goberno municipal desde os cales se poderá contemplar as mellores vistas de Marín e da ría de Pontevedra.

O proxecto, de marcado valor pedagóxico, traza un percorrido polo municipio, pensado para que o visitante poida conseguir unha visión o máis completa posible sobre os seus valores históricos, culturais, turísticos e económicos.

O obxectivo desta ruta é dar a coñecer eses valores esenciais que conforman o carácter e o modo de vida dos marinenses.

No camiño, que une diferentes puntos de interese paisaxístico e patrimonial, atópanse diferentes paneis explicativos da importancia de cada un deles. Estes foron elaborados para facilitar esta comprensión a todas as persoas. Para iso, deseñáronse cunha construción e información accesibles, observando as normativas en materia de accesibilidade.

Ademais, cada un dos cinco miradoiros está concibido para dar unha perspectiva diferente dos valores estratéxicos da economía marinense, de modo que se poderá obter nunha soa vista e en perspectiva histórica, como foi a transformación que viviu a paisaxe para incorporar o traballo no campo e principalmente a industria, como elementos de riqueza do municipio.

Ao final do percorrido, o visitante descubrirá un pobo, unha cultura e moitos motivos para volver e quedar "porque Marín é moito máis que mar e ao fin o visitante ten moito que ver", destacan desde o goberno municipal.

O proxecto articúlase ao redor dun itinerario circular de 6,5 quilómetros que transcorre por diferentes contornas do centro urbano, das praias e do rural de Marín.

A alameda, a Escola Naval Militar, o viario de praias, os petróglifos de Mogor, as rúas, a paisaxe e a arquitectura do rural, o Castro de Subidá, a Finca de Briz, a praza de abastos, o casco antigo e tamén un paso polas mellores vistas sobre o municipio son os seus principais atractivos.

É un traxecto de dificultade media-baixa que se percorre a pé nun tempo aproximado de dúas horas.

O percorrido transcorre por pistas asfaltadas no seu maior parte. O acceso aos puntos de interese, incluídos os miradoiros, será posible para todas as persoas independentemente das súas capacidades. Son accesos libres de escaleiras, ramplas pronunciadas ou pavimentos excesivamente brandos.