Marín súmase a Pontevedra, Poio e Vilagarcía no nivel máximo de alerta pola incidencia da Covid

Pontevedra
24 de outubro 2020

Pola súa banda o Concello de Cuntis sobe este sábado a nivel laranxa no mapa informativo do Servizo Galego de Saúde sobre a incidencia da pandemia

Mapa de alerta sanitaria da Covid-19 o sábado 24 de outubro
Mapa de alerta sanitaria da Covid-19 o sábado 24 de outubro / Servizo Galego de Saúde

O número de municipios da comarca en nivel vermello de alerta debido á situación sanitaria sumou este sábado 24 de outubro a Marín.

Segundo informou o propio Concello, actualmente son 37 os casos activos en Marín cun cento de contactos en seguimento. Esta cifra supón un incremento de 4 casos con respecto á xornada anterior. O seu aumento ao máximo nivel de alerta débese a que superou o limiar de 21 casos de coronavirus detectados no últimos sete días.

Xunto a Marín, continúan nesta lista como municipios en nivel vermello Pontevedra, Poio e Vilagarcía de Arousa. Na capital provincial os casos activos de Covid son 234 (+8), con 737 contactos en seguimento.

No mapa elaborado polo Servizo Galego de Saúde hai outro concello da comarca que elevou o seu nivel, no seu caso ata a cor laranxa. Trátase de Cuntis, cuxa cifra de afectados incrementouse notablemente nas últimas xornadas. 

Nese nivel laranxa mantense ademais Vilaboa, mentres que Sanxenxo, que este sábado notificou 18 casos activos de coronavirus (+3) atópase no nivel amarelo xunto a Cambados, Vilanova de Arousa, Caldas de Reis e Cerdedo-Cotobade.

Tendo en cuenta o indicador de contaxios ao longo dos últimos 14 días Pontevedra, Poio e Vilagarcía manterían a alerta vermella, Marín a laranxa e o resto de municipios citados anteriormente manteríanse en nivel amarelo.