O Concello de Marín necesita once peóns e tres conserxes e ten previsto concurrir ás axudas para a contratación de traballadores desempregados do Plan +Provincia da Deputación Provincial, nomeadamente no Programa de Activación do Emprego 2025.
Esta liña de axudas está destinada á contratación de persoas para traballar na conservación e funcionamento de bens e servizos municipais, para o desenvolvemento dunha serie de obras e servizos dos que se beneficia o conxunto da cidadanía.
Buscan incidir notablemente na mellora da calidade da prestación dos servizos públicos, ao tempo que permite insertar laboralmente a un importante número de traballadores desempregados.
Estes once peóns incorporaríanse ao servizo de obras públicas. Está previsto que realicen tarefas de apoio á brigada municipal de obras, no mantemento do saneamento, conservación de viais, reparacións ou limpeza de praias, entre outras moitas actividades.
Ditos traballos veñen dados, na maioría das veces, por actuacións de cáracter urxente (roturas ou avarías na rede, desatascos... ) que non poden ser planificados con anterioridade.
Os traballos dos peóns de obras públicas solicitados serán realizados de forma conxunta con operarios municipais, contando en todos os casos cun capataz ou encargado para a supervisión dos mesmos.
Tal e como se recolle na memoria, solicitarase a contratación de once traballadores coa categoría profesional de peón de obras públicas, cun período de contratación de seis meses a xornada completa.
No que respecta ao servizo de Conserxería, a contratación xustifícase pola gran cantidade de edificios de titularidade municipal que precisan desta figura ou do seu reforzo, especialmente en épocas onde están ateigados por veciños e visitantes, ao tempo que coinciden cos períodos vacacionais do persoal do Concello.
Neste caso, contratarase tres persoas durante tamén seis meses de duración en réxime de xornada completa.
En total, solicitarase unha subvención de 152.682 euros á Deputación de Pontevedra.