Marín solicita aos propietarios de piscinas un consumo responsable da auga

Marín
25 de agosto 2017

Desde o Concello de Marín mantense o abastecemento con auga procedente das conduccións municipais e evitando restriccións nos particulares. Indican que os problemas se centran no depósito de Cadrelo

Piscina
Piscina / Daniel Lobo/Flickr

O Concello de Marín indica que, polo momento, está garantido o servizo de abastecemento de auga a todos os puntos do municipio, sen que se sufran restricións.

Con todo, o goberno de María Ramallo fai un chamamento especial ao consumo responsable da auga, sobre todo no caso das piscinas. Pídese un uso solidario e xestionar ben o seu uso neste momento de seca. 

Segundo apuntan desde o equipo de goberno, os problemas que se rexistraron ata o momento redúcense ao depósito de Cadrelo, un dos pertencentes á rede de abastecemento de auga de Marín. O resto mantén a actividade recibindo auga das achegas municipais e procedente do Lérez a través do colector xeral. Os depósitos de Pedreiras e o da Cuesta están a abastecer ás zonas que resulta viable tecnicamente, segundo apuntan desde o goberno local.

O depósito de Cadrelo ten unha capacidade de 1.500 metros cúbicos de auga e abastécese exclusivamente de minas, captacións municipais e da Escola Naval. Nestes momentos, atópase pola metade da súa capacidade e o Concello de Marín o autoabastece con camións cisterna durante as 24 horas desde a tarde do luns. Este operativo manterase como medida preventiva mentres non comecen as choivas.

Desde o goberno local indícase que esta situación se debe á alta demanda de auga derivada do incremento de poboación durante os meses de verán.

Arquivado en