Marín saca a licitación por máis de 155.000 euros a limpeza das praias para os dous próximos veráns

Marín
18 de abril 2024

A Xunta de Goberno Local deu luz verde aos pregos para contratar a limpeza integral das praias durante o próximo verán e o do 2025

socorrista playa Marín
socorrista playa Marín / Mónica Patxot

A Xunta de Goberno Local do Concello de Marín deu luz verde aos pregos para contratar a limpeza integral das praias durante o próximo verán e o de 2025.

O contrato conta cun orzamento basee de licitación de 77.800 euros ao ano, polo que supoñerá un investimento municipal de 155.600 euros.

Segundo explicou o goberno local, o contrato regulará dúas fases de traballo. Por unha banda incluirá a posta a punto dos areais antes do inicio da tempada alta de verán, con tarefas como a limpeza ou recollida de maleza e entullos.

Esta parte do contrato deberá realizarse nun prazo máximo de 20 días a partir da formalización do contrato, e en 2025 antes do 15 de maio.

Ademais a empresa que se faga coa adxudicación realizará a limpeza integral das praias e os seus servizos asociados (accesos, papeleiras, aseos), entre o 15 de xuño e o 15 de setembro.

As empresas interesadas poderán presentar a súa oferta ata o día 6 de maio.