A xestión das praias de cara á época estival inclúe, entre outras cuestións, a contratación do servizo de socorrismo e salvamento, un requerimento esencial para garantir unha estancia segura dos bañistas. O Concello de Marín aposta pola contratación deste servizo a través dun concurso público para un contrato de 3 anos, prorrogables ata os 4.
O prego xa está dispoñible para as súa consulta a través do Perfil do Contratante, ao que se pode acceder pola Sede Electrónica do Concello de Marín e ten aberto o prazo de presentación de ofertas a todas as empresas interesadas ata o 31 deste mes.
Cúbrense todas as praias da vila: Portocelo, Mogor, Aguete, Loira e O Santo, nas que haberá presenza de socorristas entre mediados de xuño e finais de agosto, aproximadamente.
Tal e como se recolle no prego, serán 14 socorristas repartidos polos distintos areais, segundo as necesidades de cada un; 3 auxiliares de información e primeiros auxilios e 1 persoa coordinadora. O seu horario será de luns a domingo, de 12.00 a 20.00 horas, repartidos en quendas.
Para concorrer ao posto de coordinador, é preciso ter como formación mínima a de socorrista subacuático en espazos naturais con experiencia, polo menos, dunha tempada estival realizando esta función.
O importe polo que sae a licitación o contrato é de 725.437 euros.