Marín repartirá 16.000 euros en premios nos dous desfiles de entroido

Marín
09 de febreiro 2017

Case 16.000 euros repartirá o Concello de Marín en dous dos principais eventos da súa programación de Entroido, o desfile infantil e o desfile de adultos. O evento infantil celebrarase o sábado 25 de febreiro. Con respecto ao desfile de adultos, terá lugar o domingo 26 de febreiro

Participantes no desfile de entroido 2016 en Marín
Participantes no desfile de entroido 2016 en Marín /

Case 16.000 euros repartirá o Concello de Marín en dous dos principais eventos da súa programación de Entroido, o desfile infantil e o desfile de adultos.

O evento infantil celebrarase o sábado 25 de febreiro. Nel, repartiranse ata un máximo de 6.500 euros para o número máximo de 20 comparsas que antes se inscriban, como contía fixa. Igualmente haberá un importe máximo a repartir de 965 euros nos premios individuais, de parellas e de grupos.

O xurado puntuará a orixinalidade, o vestiario e a actitude no desfile. 

As comparsas terán que estar integradas por un mínimo de vinte nenos e interpretar cancións acompañadas de calquera tipo de instrumento, con ritmo e coreografía. Os seus compoñentes deben ser, en máis dun 60%, naturais de Marín ou estar censados na vila. Terán que inscribirse antes do martes 21 de febreiro.

Con respecto ao desfile de adultos, terá lugar o domingo 26 de febreiro. O importe dos premios a repartir será de 7.750 euros. Haberá ademais cinco axudas de 100 euros para as comparsas que inscritas antes do día 23 non acadaran premio ningún.

Os participantes poderán inscribirse nas categorías individual, parellas, grupos e comparsas.

As comparsas terán como mínimo 25 membros, todos eles disfrazados, que terán que levar no desfile música en directo acompañada de coreografía. Non poderán contar con instrumentos eléctricos ou electrónicos nin tocalos sen sentido do ritmo ou soando de calquera maneira; e en canto ao baile o Concello advirte que non vale ir brincando ou correndo dun lado a outro.

Ademais, aseguran que o vestiario deberá ser vistoso, colorido, orixinal e acorde en todos os membros da comparsa ao motivo que representa e deberán desfilar a pé durante a maior parte do percorrido.

Arquivado en