Marín renova as axudas de 10 euros ao mes para os comedores escolares

Marín
03 de outubro 2022

A maiores, desde os servizos sociais municipais existen ademais axudas específicas para os casos de familias que estean en situación de exclusión social, ás que lles subvencionase o 50% ou o 100% de importe dos comedores, segundo sexa o caso

Comedor escolar do EEI O Grupo
Comedor escolar do EEI O Grupo / Concello de Marín

Un curso máis o Concello de Marín activou a subvención que concede ás familias do municipio cuxos fillos e fillas fagan uso dos comedores escolares do municipio.

Serán, como o ano pasado, ata dez euros mensuais por cada neno ou nena, unha axuda coa que o goberno municipal quere axudar a paliar o esforzo económico que as familias realizan coa volta a clase dos escolares.

Para beneficiarse desta subvención, segundo explica a concelleira de Educación, Marián Sanmartín, os pais non teñen que facer ningún trámite específico.

A axuda actívase de maneira directa coa inscrición dos menores no comedor.

A maiores, desde os servizos sociais municipais existen ademais axudas específicas para os casos de familias que estean en situación de exclusión social, ás que lles subvencionase o 50% ou o 100% de importe dos comedores, segundo sexa o caso.

Actualmente, todos os centros educativos de Infantil e Primaria de Marín contan co servizo de comedor, polo que en todos eles subvencionarase este programa.