Marín recuperou este domingo a Danza de Espadas con motivo destas festas patronais de San Miguel.
Previamente o Padroado de Mareantes entregou as súas distincións e medallas, así como as Espadas de Prata aos bailaríns que alcanzan nesta edición os dez anos consecutivos como participantes como foi o caso de Carla Santiago do Rosario, Carlos Vidal Corredoira, Gaila Álvarez e Sergio Piñeiro Chazo. Ademais, recoñeceuse co título de Confrades Numerarios ata unha ducia de novos integrantes á festa.
Finalmente, foi distinguido como presidente emérito do Padroado a Alfonso Rueda, presidente da Xunta e foron recoñecidos como Confrades de Honra 2022: Jaime Rodríguez Pazos, un dos habituais portadores do Pendón do santo para a procesión e tamén o gaiteiro Carlos Núñez por facer unha versión a melodía da Danza de Espadas.
Ao mediodía celebrouse a misa no Templo Novo coa posterior procesión e o baile na Praza do Reloxo, a Alameda e a Praza de España. Este ano foi realizado por catro grupos con case 200 participantes. Os actos concluíron cunha ofrenda floral na Igrexa de Santa María do Porto.