Marín recoñece no seu 8M a traxectoria das mulleres do sector dos elaborados do mar

Marín
08 de marzo 2019

A vinculación que Marín ten co seu porto e con todas as empresas que traballan no sector do mar é indubidable. De aí que este 8 de marzo, Día Internacional da Muller, o acto institucional do Concello tivera como protagonistas ás mulleres traballadoras dos elaborados do mar

Acto institucional do 8M en Marín
Acto institucional do 8M en Marín / Concello de Marín

A vinculación que Marín ten co seu porto e con todas as empresas que traballan no sector do mar é indubidable. De aí que este 8 de marzo, Día Internacional da Muller, o acto institucional do Concello tivera como protagonistas ás mulleres traballadoras dos elaborados do mar.

A homenaxe, extensible a todo o colectivo, personificouse en cinco de estas mulleres: Carmela Villaverde Loira, Sandra Couñago López, Vanesa Couñago López, Marisa Abilleira e Carmen López Freaza, como representantes das traballadoras das empresas do porto.

O goberno municipal quixo recoñecer o camiño de loita que iniciaron hai un ano para conseguir unhas condicións laborais dignas e acabar coa súa precariedade no traballo.

Ante un salón de plenos ateigado de público, todas elas falaron sobre os dereitos que reivindicaban no seu posto laboral, o proceso para organizarse e unirse, os cambios conseguidos coas súas mobilizacións, as diferenzas entre o persoal fixo e o que vén das ETT e o que aínda falla por facer.

Ademais, pediron respecto e unión de todas e todos para rematar con estas inxustizas laborais, especialmente no sector no que as condicións de traballo son moi duras e están expostas a condicións extremas.

Gran parte da xente que acudiu a esta homenaxe eran mulleres que, con motivo da folga convocada para este 8M, deixaron o seu posto laboral nas fábricas de elaborados do porto e foron camiñando ata a casa consistorial.