Marín quere ser unha Smart City

Marín
18 de xullo 2020

O Concello xa empezou o camiño coa estratexia DUSI Marín 2020, cofinanciada nun 80% co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea. Entre as medidas xa adoptadas figura o sistema de consulta dixital da situación en tempo real do aforo das praias

Presentación do novo sistema de control de praias de Marín
Presentación do novo sistema de control de praias de Marín / Pontevedraviva

O Concello de Marín quere que a vila mariñeira pase a ser unha cidade intelixente, as coñecidas como Smart City, e xa empezou o camiño para logralo coa estratexia DUSI Marín 2020, cofinanciada nun 80% co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea.

O modelo que buscan implantar pasa por mellorar a calidade urbana e a calidade de vida da poboación marinense e, ao mesmo tempo, a funcionalidade e a organización do sistema urbano da cidade.

Dentro dos obxectivos deste plan está a idea de facer de Marín unha cidade intelixente a través da mellora económica e a competitividade onde se englobarían ideas como favorecer a administración electrónica e dos mecanismos de participación e transparencia ou a conversión da vila nun territorio smart, centrado en ideas como o turismo ou a mobilidade sostible.

Dentro das medidas que se están a adoptar para facer de Marín unha Smart City englóbase a posta en marcha nas últimas semanas do sistema de consulta dixital da situación en tempo real do aforo das praias, así como a colocación dunha gran pantalla LED informativa na contorna da praza de España, na que non só se envorcará a información relativa ás praias, senón tamén toda a información de servizo que poida ser de utilidade para a cidadanía.

A estratexia DUSI Marín 2020 tamén ten como obxectivo a dinamización económica, social e cultural da localidade. Seguindo a filosofía de traballar nunha vila conectada e dixitalizada, adaptada aos novos tempos, o Concello lanzou a plataforma dixital Marín en Rede, un espazo no que posicionar a economía local no mundo on line, onde as oportunidades de xeración de riqueza e de movemento económico son moi grandes.