O Concello de Marín entende que hai un interese urxente para urbanizar os viarios que, na actualidade, son propiedade do Ministerio de Defensa, actual propietario dos terreos lindantes ao centro de saúde.
A barriada Virxe do Carme ten cedidos ao Concello de Marín todos os viarios por un convenio. Desde o goberno local alertan da necesidade de proceder á apertura de dous novos viarios previstos no Plan Xeral de Ordenación Urbana.
Ás consultas externas do centro de saúde acoden máis de 1.500 persoas cada día, ademais dos pacientes que acoden ao PAC de Urxencias e a consultas de atención primaria en horario de tarde.
Esta zona converteuse nestes momentos nunha prioridade para tratar de buscar máis espazos que xeren unha rotación maior para os coches e o acceso de vehículos a esta zona, coa procura que sería posible de novos espazos de aparcadoiro que se xerarían coas propostas de urbanización destes viarios.
Segundo o goberno de Marín, na actualidade existe un proxecto que se está tramitando, que se atopa á espera de aprobar o convenio co organismo titular INVIED do Ministerio de Defensa para executar as obras canto antes e reordenar a zona coa mellora do tráfico, dos acceso e do aparcadoiro.
Tamén se proxecta a segunda fase de mellora do comportamento hidráulico do río Lameira. Esta iniciativa contempla unha senda polo río que mellore a contorna.
Os dous proxectos supoñerían un investimento que se sitúa sobre os 350.000 euros.