O Concello de Marín acaba de presentar un plan de axuda social específico para mulleres vítimas de violencia machista con dificultades para afrontar gastos de primeira necesidade co obxectivo de axudarlles a paliar os efectos derivados da crise sanitaria do coronavirus.
A concelleira de Benestar Social, Marián Sanmartín, e o tenente alcalde, Manuel Santos, mantiveron este mércores unha reunión coa directora e a asesora xurídica do CIM, Marián Sánchez e Clara Rodríguez, co obxectivo de traballar neste programa, que terá un orzamento de 5.000 euros e beneficiará a cerca de 100 familias.
Os departamentos municipais do CIM e de Servizos Sociais, de xeito conxunto, traballaron na definición daquelas mulleres que máis precisan desta axuda e agora a prestación do servizo realizarase a través das ONGs que participarán no programa, que son Voluntarias de la Caridad San Vicente de Paul, SOS, Asociación Solidaria Sor Elvira e Amenac.
O gasto en alimentos deberá realizarse na Praza de Abastos de Marín e nos pequenos establecementos de alimentación da vila, de tal forma que se poida apoiar ao pequeno comercio da localidade, que tamén sufriu as consecuencias económicas do confinamento, e porque así tamén se garante a cobertura eficaz e inmediata das necesidades das familias beneficiarias.
O cargo orzamentario realízase no marco do Pacto de Estado pola Violencia de Xénero do Ministerio de Igualdade.