Marín presume do "bo servizo" de socorrismo das praias con bandeira azul

Marín
30 de agosto 2023

A Adeac, o organismo encargado de repartir as Bandeiras Azuis e de facer o control sobre as praias nas que ondea este distintivo, acaba de emitir un informe no que parabenizou ao Concello polo "bo servizo de socorrismo" que se habilitou durante todo o verán en todos os areais

Praia de Mogor, Marín, durante a primeira fin de semana de agosto
Praia de Mogor, Marín, durante a primeira fin de semana de agosto / PontevedraViva

A Adeac, o organismo encargado de repartir as Bandeiras Azuis e de facer o control sobre as praias nas que ondea este distintivo, acaba de emitir un informe no que recoñece o bo estado das praias de Marín recoñecidas con esta distinción. 

Segundo a información facilitada polo Concello de Marín, a Adeac parabenizou ao Concello polo "bo servizo de socorrismo" que se habilitou durante todo o verán en todos os areais.

Desde o Concello explican que o organismo realizou algunhas recomendacións ou avisos e "fóronse emendando ao longo destes meses", como por exemplo a existencia duns graffitis nas praias de Portocelo e Mogor, que foron retirados.

Tamén se mellorou a sinalización dos baños accesibles en Mogor, entre outras cuestións.

Desde o Concello mostran a súa satisfacción por ter xa este informe pechado e por demostrar que "o traballo que se realiza durante todo o ano e o verán dá os seus froitos", facendo ás súas praias "ano tras ano merecedoras dun galardón tan relevante como é a Bandeira Azul".

O Concello tamén indicou este martes que este verán notaron unha "importante afluencia de turistas" aos seus areais, tanto de Galicia como de fóra da comunidade autónoma.