Marín presenta a axenda de actividades organizadas con motivo do 25 de Novembro

Marín
17 de novembro 2022

O Concello de Marín ven de presentar a axenda de actividades organizadas con motivo do 25 de Novembro, o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres  

Campaña "Lembra, eu decido, ti respectas"
Campaña "Lembra, eu decido, ti respectas" / Deputación de Pontevedra

O Concello de Marín ven de presentar a axenda de actividades organizadas con motivo do 25 de Novembro, o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

A programación inclúe a segunda edición de "Sensibilización en igualdade". Unha actividade de formación e prevención da violencia de xénero on line organizada polo Concello de Marín. É aberto ao público todo o ano na Plataforma on line cimdemarin.es

Tamén repartirase material de sensibilización a todo o alumnado dos centros educativos en conmemoración do 25N. Este material recolle información de recursos necesarios para loitar contra a violencia machista a través dun Código QR. 

Os centros educativos tamén acollerán a campaña de prevención das agresións sexuais en poboación adolescente "Lembra: eu decido, ti respectas". Concedida pola Área de Igualdade da Deputación de Pontevedra ao Concello de Marín e dirixida á mocidade, consiste en material e un video didáctico que será facilitado a todos os IES do municipio para visionar nas aulas e abrir un debate.

Ademáis haberá intervencións artísticas na cidade como "Compartir é vivir", comisariada por Celeste Garrido e Yolanda Herranz cos traballos de 15 artistas de Brasil, Colombia, España, Estados Unidos, Guatemala e México que expoñen obras de creación pensadas para o espazo público.As obras xeran unha reflexión sobre a identidade, a desigualdade, a violencia e a convivencia. Están concebidas dende unha conciencia crítica e un posicionamento feminista.

Por outra banda está a exposición "ONU Mulleres. Historia do feminismo" unha mostra da traxectoria do movemento das mulleres, dos seus logros e dereitos conseguidos que modificaron a vida das mulleres e nenas de todo o mundo.

Deseñaranse e elaboraranse almanaques de escritorio con temática de igualdade e contra a violencia de xénero. Figurarán os días internacionais máis importantes na reivindicación dos dereitos. O material levará un código QR que dirixe a unha Guía de actuación contra a violencia machista da Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero.E o día 24 de novembro, ás once da mañá, na Praza de Abastos, repartirase todo este material de sensibilización e concienciación. 

E volven os Premios "Lazo Violeta". O acto institucional do 25N será no Salón de Plenos do Concello de Marín, ás 12 horas. O colectivo premiado por acordo do Consello Municipal da Muller son as institucións deportivas marinenses que traballan responsablemente na ruptura de estereotipos de xénero e na loita contra a violencia machista.

A programación inclúe tamén unespectáculo teatral "Golpes", de Estíbaliz Veiga, nos institutos e a instalación dun posto divulgativo para visibilizar as violencias machistas e todos aqueles machismos invisibilizados que podemos atopar na sociedade. Estará de 10 a 14 horas na Praza 8 de Marzo durante todo o 25 de novembro.

E por último, repartirase unha guía rápida de actuación ante casos de violencia de xénero con material elaborado polo CIM do Concello con diferentes escenarios de actuación e protección que será facilitada ás mulleres que a necesiten baixo criterio profesional. Esta guía será entregada nos Centros de Saúde do municipio, Forzas e Corpos de Seguridade e profesionais do Centro Municipal de Servizos Sociais do Concello de Marín.

 

 

Arquivado en