Marín prepárase para a folga feminista do 8M cun taller de materiais reivindicativos

Marín
25 de febreiro 2019

Coa vista posta no Día Internacional da Muller, a plataforma Galegas 8M Marín empezou a preparar os materiais que van utilizar na manifestación do 8 de marzo

Taller de materiais reivindicativos polo 8M en Marín
Taller de materiais reivindicativos polo 8M en Marín / Zeivas Feministas

A plataforma Galegas 8M Marín, representada polo Espazo Feminista de Marín e polo Colectivo Feminista Zeivas, organizou esta fin de semana un taller no Multiusos anexo á Praza de Abastos para elaborar os materiais reivindicativos que animarán os actos do 8 de marzo nos que esperan mellorar o resultado do ano pasado e conseguir outro éxito para o movemento feminista.

Pancartas e carteis con lemas feministas, camisetas e colgantes decorados con símbolos a favor dos dereitos das mulleres e dispositivos sonoros que animarán os actos, están listos para lucir nas rúas de Marín a partir desta semana para convocar á poboación para participar na marcha reivindicativa organizada no Día Internacional da Muller que empezará cunha concentración a partir das 20:30 horas diante do Concello. Pola mañá, este colectivo acudirá á manifestación que se realizará en Pontevedra na Praza da Ferrería ás 13:00 horas.

Galegas 8M Marín fai un chamamento a todas as mulleres para que o venres 8 de marzo secunden a xornada de "Folga de coidados, laboral, de consumo e estudantil", acción que o ano pasado tivo unha ampla repercusión.

Ademais, tamén dirixen a súa mensaxe ao sector masculino da poboación para que asuma as tarefas domésticas e de coidados a nivel familiar, facilitando a participación das mulleres na "revolta feminista".