Marín prepara a contratación dos próximos anos do servizo de axuda a domicilio por case 7 millóns de euros

Marín
10 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

A licitación, unha das máis elevadas a nivel social, beneficiará a cerca de 100 persoas que usan este servizo. O Concello asume un 30% aproximadamente da inversión e sacará o contrato por dous anos, con dúas prórrogas

A concelleira de Benestar Social do Concello de Marín, Marián Sanmartín
A concelleira de Benestar Social do Concello de Marín, Marián Sanmartín / Concello de Marín

A concelleira de Benestar Social, Marián Sanmartín, anunciou que o Pleno da Corporación deste xoves abordará o inicio do expediente para a licitación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) durante os próximos dous anos, con posibilidade de prórroga por outros dous exercicios máis.

O SAF é unha prestación básica que xestiona o departamento de Servizos Sociais do Concello de Marín, que dá atención ás familias con persoas dependentes ao seu cargo coa finalidade de axudalas e de que teñan posibilidade de vivir no seu domicilio mentres sexa posible.

Tal e como indicou a edil, "a contratación farase cunha previsión anual de 70.500 horas ao ano", das cales a gran maioría destinaranse ás persoas cun grao de dependencia xa recoñecido e unha pequena parte ao que se coñece como o SAF Básico, que se aplica en casos de urxencia nos que a dependencia aínda está sen recoñecer pero é imprescindible contar co recurso.

Na actualidade, Marín conta con 91 persoas usuarias en dependencia (3 con grao 3, 31 con grao 2 e 1 con grao 1) e 5 no SAF básico. O servizo faise por parte de persoal cualificado e préstanse coidados de carácter persoal, psicosocial, educativo, preventivo e doméstico, incluso burocrático e técnico. 

Sanmartín expuxo que o importe anual do servizo sairá a licitación por 1.648.995 euros, o que supón case 7 millóns de contía total da contratación. Desta cantidade, o Concello asume cerca do 30%, a Xunta case un 50% e o resto cúbrese co pago das persoas usuarias, das que moitas contan con exencións por nivel de renda ou situación de exclusión social.