Marín pon a disposición do estudantado a aula CeMIT da Biblioteca Vidal Pazos para realizar exames

Marín
08 de xuño 2020

Os estudantes universitarios que queiran utilizar as instalacións deste edificio municipal terán que darse de alta como usuarios na Rede CeMIT. Estas aulas ofrecen garantías de conexión a internet durante as probas de avaliación

Biblioteca municipal de Marín
Biblioteca municipal de Marín / Daniel Santomé

Aqueles estudantes universitarios de Marín que teñan que enfrontarse aos exames durante os meses de xuño e xullo terán a oportunidade de utilizar a aula CeMIT do Concello. 

A aula atópase situada na planta superior da Biblioteca Municipal Vidal Pazos e o goberno local indica que se atopa ao dispor do alumnado que desexe utilizala. 

Estes espazos ofrecen unha garantía de conexión a Internet e son unha alternativa para aquelas familias con universitarios que carecen de rede ou que contan cun servizo pouco estable. 

Aquel alumnado que queira utilizar este servizo debe de darse de alta como usuario da Rede CeMITe seguir o protocolo específico que se establece para inscribirse. 

A asistencia ao exame terá que realizarse media hora antes da proba e mantendo as distancias de seguridade de dous metros, empregando luvas e máscara e cunha hixiene adecuada das mans.

O estudante deberá levar o material necesario para realizar o exame e o teléfono móbil para darse de alta para o uso da rede Wifi da Xunta de Galicia. Tamén se indica que é necesario levar auriculares para evitar molestias en caso de que haxa probas en que sexa preciso utilizar audio.