Coa entrega dos Premios Lazo Violeta, Marín conmemorou este luns 25 de novembro o día internacional pola eliminación da violencia contra as mulleres. Os galardóns, que recoñecen o traballo de persoas e colectivos pola igualdade, foron para a exposición do Ateneo Voilá la femme, a artista Celeste Garrido e, a título póstumo, Isabel Carragal.
O salón de plenos do Concello de Marín tinguiuse de morado para mostrar publicamente o rexeitamento de toda a sociedade marinense e das súas institucións e asociacións á violencia machista, unha lacra que "segue tronzando" as vidas das mulleres, segundo recordou a alcaldesa de Marín, María Ramallo.
Ramallo foi a encargada de abrir o acto institucional cun discurso no que pediu a todos os marinenses a súa "participación activa" contra a violencia machista, "concienciando e sensibilizando sobre este problema ás persoas da vosa contorna".
Celeste Garrido, unha das premiadas cos Lazo Violeta deste ano, foi a encargada de ler a declaración institucional, na que pediu a mellora dos recursos que garantan unha calidade de vida e un futuro estable ás vítimas de violencia machista e aos fillos e fixo un chamamento a todos os homes "para que cambien a súa actitude de negación e cosificación da muller".
A representante do CIM, Marián Sánchez, foi a encargada de ir anunciando aos gañadores dos Lazo Violeta, o primeiro dos cales foi recollido por Lois González, do Ateneo Santa Cecilia, recoñecido pola labor de difusión da calidade artística das mulleres novas que se realiza na súa exposición Voilá la femme.
A emotividade do acto fíxose patente coa entrega do premio á artista Celeste Garrido, que asegurou que "non hai ninguén que o desexara tanto" e, sobre todo, co recoñecemento que recolleu a irmá de Isabel Carragal, á que o Consello da Muller quixo facer unha homenaxe póstuma pola súa loita por conseguir a invalidez polo cancro que sufriu.
"Existen moitos tipos de violencia e detrás das campañas de lazos rosas hai situacións familiares moi duras", asegurou a irmá de Carragal antes de que o acto rematara cun minuto de silencio polas vítimas da violencia machista deste ano.