A alcaldesa de Marín, María Ramallo, trasladou ao vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, a "preocupación" do goberno local en que se avance na comarcalización do parque de bombeiros de Pontevedra "na que Marín está moi interesado". Foi no transcurso dunha visita oficial que o número dous do executivo galego fixo este luns ao Concello de Marín.
"Somos un concello de máis de 25.000 habitantes que necesitamos ter a cobertura eficaz e eficiente dos bombeiros", sinalou a alcaldesa popular.
"Nós estamos en predisposición de poder axudar, desde o punto de vista económico", precisou María Ramallo, "é unha obriga que desde o Concello queremos tratar de impulsar e de alentar para que todas as partes poñan os seus medios a disposición", dixo.
Pola súa banda Alfonso Rueda referiuse á comarcalización como "un dos temas que hai que empezar xa a definir co comezo deste ano". Neste sentido asegurou que "queremos darlle un avance moi importante" ás emerxencias e volveu a lamentar que a Deputación de Pontevedra desmárquese da proposta acordada pola Xunta de Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e as deputacións da Coruña, Lugo e Ourense.
O vicepresidente indicou que "a partir deste mes" empezará a falar cos concellos que se inclúen na comarcalización "tanto con aqueles que se beneficiarían, como Marín, como con aqueles que ampliarían os seus parques cos recursos que achegariamos outras administracións, como é o caso do parque de Pontevedra" e dixo que "como membro da Xunta de Galicia non renuncio, pareceríame gravísimo que Pontevedra quedase fóra. Imos tentar que non sexa así".
"O problema, como sempre para moitas cousas, volve ser a Deputación de Pontevedra", sinalou Alfonso Rueda
"O problema, como sempre para moitas cousas, volve ser a Deputación de Pontevedra", sinalou Alfonso Rueda que fixo un "chamamento" ao goberno provincial "para que non queden fose deste tema" por "argumentacións políticas, dado que doutra forma non se pode entender".
Así apelou ao "beneficio común" para que "fagan unha reconsideración da súa alternativa" porque "eu non son capaz de entendelo nin é un argumento lóxico".
BANDA DO RÍO
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou a recentemente recuperada praza de Banda do Río. Esta é unha das diferentes actuacións en Marín nas que a Xunta de Galicia investiu cartos.
A recuperación da praza de Banda do Río ascendeu a pouco máis de 17.000 euros. Este investimento permitiu a humanización e a posta en valor deste espazo público, ao que se dotou de bancos, xardineiras e iluminación e a mellora e renovación do alumeado na rúa do Infierniño que contou cunha axuda de 30.400 euros.
Nesta visita oficial acompañaron a Alfonso Rueda, a directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, a alcaldesa de Marín, María Ramallo e os edís marinenses Marián Sanmartín e Manuel Santos Costa, así como o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís.
A nova plazoleta e a mellora da iluminación pública exterior da rúa Inferniño, financiáronse a través do Fondo de Compensación Ambiental e de Infraestruturas, respectivamente.
A alcaldesa de Marín, María Ramallo xa avanzou que o Concello tamén acudirá á liña de axudas para mellora de espazos urbanos que este luns publica o Diario Oficial de Galicia "xa temos pensado o que imos solicitar", apuntou.