Marín ofrecerá un servizo de estimulación cognitiva aos enfermos de alzheimer

Marín
07 de marzo 2017

A Consellería de Política Social asinou o pasado mércores un acordo para ofrecer aos veciños de Marín un servizo de estimulación cognitiva dirixido aos enfermos de alzheimer, co obxectivo de mellorar a súa calidade de vida e atrasar os síntomas dunha enfermidade que cobra cada vez máis protagonismo

O Director de AFAPO José Fontenla, a alcaldesa María Ramallo e a concelleira de benestar social Marian Sanmartín visitaron a Casa Principal
O Director de AFAPO José Fontenla, a alcaldesa María Ramallo e a concelleira de benestar social Marian Sanmartín visitaron a Casa Principal / Concello de Marín

O alzheimer é unha enfermidade cada vez máis presente nas nosas vidas, e un tratamento adecuado pode atrasar os seus síntomas. Consciente desta problemática, a Xunta, a través do conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, asinou o pasado mércores 1 de marzo un acordo para a contratación dun servizo de estimulación terapéutica para persoas afectadas desta e outras doenzas neurodegenerativas.

Seis concellos galegos recibirán este servizo, entre eles Marín.

A responsable do programa será a Asociación de Familiares de enfermos de Alzheimer de Pontevedra(AFAPO), que leva 13 anos traballando con enfermos e familiares co obxectivo de mellorar a súa calidade de vida e retardar os síntomas. O programa responde os servizos ofertados pola Lei de Dependencia e busca tamén servir de apoio aos familiares dos afectados por estas enfermidades.

O taller de estimulación cognitiva dará servizo a aqueles veciños de Marín que o soliciten, unha vez valorado o seu estado a través de Servizos Sociais. Desenvolverase na Casa Principal da Granxa de Briz (onde se sitúa actualmente Servizos Sociais), no centro urbano de Marín, cun horario de 10:00 horas a 13:00 horas de luns a xoves.