O concelleiro de Urbanismo e tenente alcalde, Manuel Santos, trasladou este xoves o rexeitamento do goberno local con respecto á instalación dun posible parque eólico no Monte Xaxán e no Monte de San Lourenzo.
Segundo explica o concelleiro, as primeiras informacións respecto ao posible interese de crear un parque eólico nesa zona foron "a través de terceiras persoas e pola prensa", detalla Santos, que recalca que o único oficial que hai presentado no Concello "é a solicitude de información urbanística de varias parcelas por parte dunha empresa adicada ao desenvolvemento de proxectos relacionados coa enerxía renovable", con data deste mes de decembro.
Así a todo, o Concello oponse a un hipotético parque eólico nesas parcelas sobre as que se solicitou información, "despois de analizalas desde todos os puntos de vista". Unha avaliación que tamén comparten os servizos técnicos municipais, segundo adiantou o edil.
Santos recordou que todos os proxectos eólicos que se poidan presentar teñen que cumplir co Plan Sectorial Eólico de Galicia e, sobre todo, coa avaliación ambiental ordinaria e a Lei 5/2019 de Patrimonio Natural de Galicia, "que dá prioridade á protección ambiental sobre a ordenación territorial e urbanística e establece a precaución nas intervencións que poidan afectar ao patrimonio natural ou á biodiversidade".
Ademais, engadiu que para dar luz verde a un proxecto eólico como o que podería plantexarse nos montes do Morrazo é preciso un informe favorable dos técnicos municipais e o cumprimento de innumerables directrices de diferentes departamentos autonómicos.
Por outra banda, a alcaldesa, María Ramallo, solicitou por escrito á Xunta de Galicia información sobre se existía algún proxecto presentado con respecto á instalación dun parque eólico no termo municipal da vila, "ao que a administración local nos contestou que non, que non hai constancia da tramitación de ningún parque eólico no noso Concello".
De feito, engadiu a alcaldesa, "a Xunta aprobou unha lei ao remate do 2021 pola cal non se tramitará ningún proxecto novo destas características nos próximos 18 meses".