Tras unha pancarta co lema 'Por un acordo xusto e para todos' centos de persoas manifestáronse en Marín contra o acordo pesqueiro con Mauritania, que exclúe á frota cefalopodera do Morrazo.
Entre os participantes nesta protesta orfanizada pola CIG encontrábanse os alcaldes de Marín e Bueu, María Ramallo (PP) e Félix Juncal (BNG), representantes dos grupos locais e o voceiro nacional do BNG, Xavier Vence.
O voceiro de CIG-Mar, Xabier Aboi, alertou de que, ante a votación definitiva do próximo día 8 no Parlamento Europeo, "nin sequera a día de hoxe hai garantía de que se gañe".
Se o resultado da votación do día 8 na Eurocámara é desfavorable, Aboi advirte que ao tratarse dun texto a cinco anos, supoñería "que a frota cefalopodeira entraría en reconversión", o que equivalería "á ruína" da comarca.
Pola contra a alcaldesa de Marín, María Ramallo, sostén que se o caladoiro de Mauritania se pecha definitivamente para os barcos da comarca "habrá que buscar opciones de futuro para esta flota y buscar caladeros en los que resulte posible trabajar".
Os únicos apoios que puideron solicitar de cara á votación do día 8 son os dos Verdes; do Partido Popular Europeo, UPyD, os deputados portugueses do Bloco de Esquerdas, os nacionalistas escoceses e galeses e o socialista galego Antolín Sánchez Presedo. "Dos demáis non hai resposta", lamentou Aboi.