A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica de Marín volve conmemorar este ano o aniversario da proclamación da II República. Farao con actos o propio día 14 de abril no que se cumpren 92 anos, cunha programación que bautizaron Abril Republicano.
Ás 19:00 horas do venres 14, fará a tradicional ofrenda floral na Pedra da Liberdade, nos xardíns a carón do Concello. Haberá intervencións musicais de A Revolta e Amigos da República.
A continuación, ás 20:00 horas, comezará no Museo Manuel Torres a homenaxe a Xosé Fraga Iglesias, autor de Falando calado. Escolma de poemas e artigos galegos e casteláns e máis unha muiñeira (1986) e Longa noite de ferro (1997).
O acto estará conducido por Carlos Villegas e Xosé Vilas, membros de ARMH de Marín. Tamén intervirán Xosé Carballo Espiño e Manuel Reboredo Tajes.
Desde a asociación destacan que os poemas de Fraga Iglesias "amosan o amor, a natureza e as xentes, e percorre o Marín no que se mergullou" e que mestura a vida e o traballo coas reflexións das "ideas das que había que falar baixiño", sen esquecer nunca a súa terra, cos seus ríos e muíños.