Marín inviste máis de 800.000 euros anuais en manter as zonas verdes

Marín
15 de abril 2025
Actualizado: 17:21

Máis de 6.000 plantas e 100 árbores novas: as cifras da aposta polas zonas verdes do Concello

Paseo Antonio Blanco
Paseo Antonio Blanco / Concello de Marín

O Concello de Marín destina uns 33 euros anuais por habitante ao mantemento e mellora das súas zonas verdes, o que supón unha inversión total cercana aos 800.000 euros anuais, isto é, o 5% do Orzamento municipal.

O goberno local da alcaldesa María Ramallo solicitará unha subvención de 150.000 euros á Xunta de Galicia para seguir a impulsar o seu "modelo de cidade máis sostible e habitable", centrado na Avenida de Ourense, Concepción Arenal e o Paseo Alcalde Blanco

Nos últimos anos, cada unha das actuacións de mellora urbana impulsadas polo Concello conlevou unha clara aposta pola renaturalización, incorporando máis de 6.000 plantas e 117 árbores novas, que se suman ás constantes replantacións con pranta de tempada que se realizan ao longo do ano.

Entre as actuacións recentes máis destacadas atópanse a renovación da Avenida de Ourense, que conlevou a plantación de máis de 4.000 plantas ornamentais e 80 árbores, e as beirarrúas da zona anexa á Escola Naval Militar e a Rúa do Forte, onde se habilitaron zonas axardinadas con máis de 300 plantas e 17 árbores.

Tamén no Paseo Alcalde Blanco, plantáronse 1.500 novas especies vexetais e creáronse zonas de arborado que non existían anteriormente, favorecendo unha maior integración entre o espazo urbano e a fachada marítima.

A alcaldesa de Marín, María Ramallo, destacou que "esta transformación verde é unha seña de identidade do modelo de cidade que queremos seguir construindo". "As zonas verdes non só embellecen o municipio, senón que teñen un impacto directo na saúde, na calidade do aire e na loita contra o cambio climático", engadiu a rexedora.

Parterres no Paseo Antonio Blanco
Parterres no Paseo Antonio Blanco

Precisamente neste contexto, o Concello de Marín solicitou unha subvención de 150.000 euros á Consellería de Medio Ambiente dentro da nova liña de axudas autonómicas dirixidas a promover a renaturalización urbana e a promover Galicia como refuxio climático.

A axuda da Xunta de Galicia tería como destino a Avenida de Ourense. Concretamente a beirarrúa que colinda cos locais comerciais e os edificios residenciais. Este proxecto está en plena execución da súa mellora, que contempla o ancheamento das beirarrúas para favorecer a mobilidade, o calmado do tráfico e a súa optimización, coa creación dunha glorieta.

O proxecto, do Ministerio de Fomento, non contempla a dotación de áreas verdes, xardineiras e mobiliario urbano, polo que desde o Concello consideran "prioritaria" a plantación de especies vexetais que permitan "reducir a dureza da intervención urbana e favorecer a naturalización desta beira da rúa", tendo en conta que na beira contraria optouse por unha importante inversión en parterres que contasen cunha ampla cuberta vexetal.

Polo tanto, plantarase algunha árbore puntual e apostarase por zonas de axardinamento, ademais de dotar dalgún banco, especialmente ao tramo que vai desde a futura rotonda ata o Concello.

Por outro lado, a Xunta de Galicia está a executar a humanización e mellora da mobilidade en todo o trazado da PO-546, desde o límite do termo municipal de Pontevedra ata a Rúa da Ponte.

A Rúa Concepción Arenal gana unha nova fisionomía creando beirarrúas de 2 metros de ancho en todos os tramos posibles e mellorando a seguridade viaria. Agora, desde o Concello procurarase incrementar a vexetación nesta rúa, coa plantación de árbores e especies vexetais que renaturalicen unha das vías de maior uso do casco urbano.

No caso do Paseo Alcalde Blanco, que ao igual que unha das beiras da Avenida de Ourense foi posto en valor e rexenerado cos Fondos FEDER, o Concello pretende crear novas zonas de sombra, especialmente na zona dos xogos acuáticos.

Finalmente, a subvención destinarase ás zonas verdes que se crearán no entorno da dársena portuaria recén recuperada e no entorno do futuro Auditorio, onde se mellorará toda a zona unha vez estea máis cerca do remate a execución do propio edificio.

Dársena portuaria coñecida como o "cemiterio de chalanas"
Dársena portuaria coñecida como o "cemiterio de chalanas"