O Perfil do Contratante xa ten colgada a licitación do Concello de Marín para contratar o alumeado de Nadal ao que destinará máis de 100.000 euros de inversión.
Desde a Concellaría de Festas, explican que a licitación baseouse en "criterios de sostibilidade, apostando pola implantación de novas tecnoloxías de menor consumo enerxético e alto valor estético".
Tal e como se pode ler no prego de condicións técnicas, esíxese que o alumeado proposto estea, cando menos, composto nun 80% de tecnoloxía LED. No que respecta á estética, os elementos deberán ser modernos e harmónicos entre sí, tanto no seu despregue nas rúas e prazas como no ámbito cromático.
Tamén se regula todo o que ten que ver coa montaxe e desmontaxe das instalacións e o mantemento de todos os elementos durante a tempada de Nadal.
Nas súas propostas, as empresas deberán presentar detalladamente o alumeado a implantar, especificando para cada rúa o número de elementos, a tipoloxía dos mesmos e o seu consumo enerxético, incluindo ademais fotomontaxes de todos os elementos a instalar.
Entre outras cousas que se lles esixen ás empresas interesadas, destaca contar cun servizo de garda durante a duración da instalación para poder actuar ante un eventual fallo da montaxe ou da electricidade, así como contar con stock abondo para unha posible substitución de equipos, lámpadas ou leds.
As empresas poderán presentar ofertas ata o 23 de setembro, para que despois sexan avaliadas pola Mesa de Contratación.