A pesar de que a chegada de pellets ás praias de Marín, segundo o goberno municipal, é "practicamente nula", as autoridades queren aproveitar a creciente sensibilidade ambiental da cidadanía para convocar unha xornada de limpeza das praias do municipio.
Esta iniciativa de voluntariado terá lugar este sábado 21 de xaneiro, a partir das nove e media da mañá. O obxectivo é loitar contra o lixo mariño e retirar todos aqueles residuos que contaminan as costas e as praias de Marín.
A limpeza farase en todas as praias de Marín. É dicir, en Portocelo, Mogor, Aguete, Loira, A Ribeira, O Santo e A Coviña.
As persoas que queiran participar na limpeza terán que inscribirse a través do mail de [email protected], con data límite o venres pola mañá.
Crearanse distintos grupos de traballo para cada praia, coordinados en función do número total de persoas voluntarias, ás que se informará o venres ao mediodía de en que praia lles corresponderá limpar e cal é o punto de encontro cos coordinadores das mesmas.
O persoal do Concello entregará ao persoal voluntario in situ o material preciso para a recollida, consistente en bolsas e luvas, e explicarase o procedemento da xornada.
Os residuos que se recollan serán reciclados de xeito selectivo e realizarase un informe dos mesmos, rexistrando a súa tipoloxía e a cantidade recollida praia por praia.
Desde o Concello animan a toda a veciñanza que queira participar a anotarse, aínda que é posible que se se supera o número máximo preciso de voluntarios por praia, haxa xente que quede nunha lista de espera para futuras recollidas que se organicen desde o ente municipal.