O Consello Municipal da Muller decidiu que este ano, con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, a homenaxe será para aquelas personas que desde o deporte loitan contra a violencia machista.
Así, os Premios Lazo Violeta serán para todas aquelas institucións deportivas marinenses "que traballan responsablemente na ruptura de estereotipos de xénero e na loita contra a violencia machista”, segundo anunciou a edil de Igualdade, Marián Sanmartín.
Os galardóns entregaranse nun acto institucional no Concello, no que se recoñecerá a colectivos que traballan en prol da igualdade de xénero e pola defensa da muller contra as violencias.
O borrador da declaración recolle os datos da violencia machista en Marín, na que actualmente hai 38 casos activos a nivel policial, dos que 21 precisan un teléfono de asistencia e protección as 24 horas.
O obxectivo da declaración será tamén poñer en valor o traballo coordinado entre as distintas institucións e corpos de seguridade local e nacional implicados na xestión destes casos.