Marín financiará catro proxectos cos fondos do seu remanente

Marín
09 de xuño 2021

O goberno local plantexa obras por valor de 877.000 euros relacionadas co saneamento e a mellora de instalacións

Edificio ruinoso do antigo Mercado de Cantodarea
Edificio ruinoso do antigo Mercado de Cantodarea / Concello de Marín

O Concello de Marín ten previsto empregar boa parte do seu remanente de Tesourería para avanzar na execución de diversos proxectos. O goberno local aprobará no próximo pleno o investimento de 877.000 euros en catro obras.

A mellora dos servizos de abastecemento e saneamento son un dos obxectivos do Concello. Por iso, á mellora do colector de augas residuais dos núcleos de Pastoriza e Picotes destinarán 200.000 euros, mentres que na rede de abastecemento do núcleo de Bexe teñen previsto investir 162.000 euros.

Estes fondos servirán tamén para adecuar o solar que ocupa o antigo mercado de Cantodarea. O Concello destinará 138.000 euros á demolición do inmoble e ao acondicionamento da parcela. Ademais, a creación dun centro de lecer xuvenil e a centralización do arquivo municipal no antigo Liceo Casino supoñerá un investimento de 377.000 euros.