Nove meses despois da posta en marcha da iniciativa de ordenación do espazo urbano de Marín, o Concello fixo este venres un "moi bo balance" en canto á eficiencia, sostibilidade e mobilidade tanto de peóns como do tráfico rodado.
Neste senso, o concelleiro de Tráfico, Francisco Estévez explicou que "quixemos esperar un tempo prudencial para facer balance e ver como se integrou esta medida na sociedade e estamos moi satisfeitos, xa que se demostrou coma unha medida eficaz para garantir a rotación dos estacionamentos na vía pública".
No que corresponde á resposta cidadá do informe extraído da Policía Local, encargada de vixiar e controlar o cumprimento da normativa, foi "favorable".
Ante a boa acollida, Estévez adiantou que o Concello está a traballar na ampliación da ZONA 2H a máis rúas, xa que consideran que "hai algunhas vías do centro urbano nas que a limitación horaria de máximo dúas horas podería ser beneficiosa por ser rúas nas que tamén hai unha ampla demanda de rotación do estacionamento.
Durante estes nove meses que leva en marcha o programa, a Policía Local puxo sete multas por exceder o tempo de estacionamento, pero se mellorou o uso das zonas de carga e descarga por parte dos turismos particulares.
Por último, dentro do Proxecto MARES (Marín Estacionamento), están incluídos os aparcadoiros públicos gratuítos que se habilitaron no casco urbano do Concello, o que foi "unha solución en pleno corazón da vila ao permitir que persoas que veñen traballar ou que precisan unha alternativa de estacionamento de longa duración, poidan tela no centro", detallou o concelleiro.
O Parking Minuto se encontra en formato descargable na web do Proxecto MARES onde aparecen todos os aparcadoiros públicos coas distancias a pé que hai desde cada un deles aos puntos máis frecuentados da vila.