Marín estudia cinco zonas semiurbanas para instalar composteiros comunitarios

Marín
26 de decembro 2019

Tras adherirse ao Plan Revitaliza da Deputación, o Concello de Marín busca os lugares máis axeitados para instalar os primeiros composteiros comunitarios do municipio. Están valorando colocar varios destes elementos no ámbito do Sequelo, as Barriadas de San Pedro, Mogor, A Cañota ou Cantodarea

Traballos nos composteiros do Plan Revitaliza
Traballos nos composteiros do Plan Revitaliza / Mónica Patxot

Tras adherirse ao Plan Revitaliza da Deputación, o Concello de Marín busca os lugares máis axeitados para instalar os primeiros composteiros comunitarios do municipio.

O goberno municipal asegura que está en trámites de pechar os lugares nos que se colocarán estas instalacións, que pretenden mellorar a xestión dos residuos biodegradables.

Así, a concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, explicou que colocaranse en zonas semiurbanas, nas que haxa unha maioría de casas unifamiliares con espazos verdes, onde é máis demandado e utilizable o compost que se xerará nos composteiros.

De maneira preliminar, o Concello está valorando colocar varios destes elementos no ámbito do Sequelo, as Barriadas de San Pedro, Mogor, A Cañota ou Cantodarea.

Crearanse, por tanto, nestes espazos o que se coñece como centros de compostaxe comunitaria, é dicir, unha instalación pensada para prestar servizo a pequenas comunidades de veciños nas que se produzan residuos de material orgánico e biodegradable.

Deputación e Concello seguirán perfilando este plan de compostaxe comunitaria, que se irá desenvolvendo ao longo do próximo 2020.

Aínda que esta será a primeira vez que se instalen composteiros comúns na vila marinense, esta forma sustentable de xestionar os biorresiduos non é nova para o municipio, dado que 100 composteiros individuais de Sogama xa levan un ano en funcionamento en diversas casas marinenses, especialmente do rural, na zona de Pardavila.

Ante o bo resultado destes composteiros, Marín xa solicitou a Sogama outros cen recipientes máis, que o municipio recibirá despois do Nadal.