Vinte persoas maiores utilizan xa o recentemente estreado centro de día de Marín, un equipamento que se habilitou no primeiro andar da antiga Casa do Mar.
Na súa inauguración oficial, que se celebrou este mércores, participou o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, que estivo acompañado pola conselleira de Política Social, Fabiola García, e pola alcaldesa de Marín, María Ramallo.
Abrir este centro de día supuxo un investimento de 350.000 euros, dos que o 60% foron achegados polo goberno galego e o resto foi asumido polo Concello.
O centro, que ten a posibilidade de ampliar a súa capacidade ata as 40 prazas, conta con salas de usos múltiples, zona de rehabilitación, área de ocio, cociña, lavandería, despachos e baños.
Será a UTE Raiola Riazor a empresa que xestionará estas instalacións.
Durante a súa visita, Rueda, que quixo saudar os seus usuarios e usuarias, destacou o papel que este tipo de centros xogan para evitar o illamento dos maiores, mellorar a súa autoestima e reducir a carga de traballo das familias e coidadores.
"É un servizo fantástico e canto máis se coñece máis se utiliza polo ben que está a xente aquí coidada, o desafogo que é para moitas familias e tamén para as persoas usuarias estar en compañía doutras persoas durante moitas horas do día", asegurou o presidente.