Marín empeza a gañar a guerra á avespa asiática

Marín
15 de xaneiro 2020

A poboación desta especie invasora comeza a reducirse no municipio marinense a través da retirada de niños e a instalación de trampas para a captura de raíñas

Avespa velutina nunha trampa
Avespa velutina nunha trampa /

O Concello de Marín non cede na súa loita contra a invasión da avespa asiática. Goberno local e a Asociación Depolgal están a conseguir moi bos resultados na súa campaña de control da poboación a través da eliminación de niños e a captura de raíñas.

No 2019 foron retirados 290 niños, 55 menos que no ano anterior. Desde o colectivo interprétano como unha "moi boa noticia" porque significa que existe unha redución do número de niños que chegan a desenvolverse e a estar activos.

Os expertos aseguran que a clave está na actuación temperá tanto para retirar os niños como para a instalación de trampas. Na loita contra esta praga ten moita importancia a colaboración dos voluntarios para a instalación de trampas. E tamén a tecnoloxía, pois a asociación disponde dun dron para eliminar os niños que se atopan a maior altura, onde a pértega non chega.

A concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, asegura que o Concello está moi satisfeito co labor realizado por Depolgal polos bos resultados. Neste sentido, a edila anima á cidadanía para asistir ás charlas que organiza este colectivo para comprender mellor como combater a esta especie invasora. Desde a asociación tamén destacan o éxito da campaña debido a que "deberiamos ter o triplo de poboación e, con todo, estamos a conseguir reducila", conclúen.