Marín despide entre choros e choiva á Sardiña

Marín
11 de febreiro 2016

A choiva frustrou gran parte das actividades que estaban programadas este mércores no Entroido de Pontevedra e arredores. Pero non en Marín. Alí, a pesar do mal tempo centos de persoas deron o último adeus á Sardiña como é habitual cada Mércores de Cinza

Enterro da Sardiña no Entroido de Marín
Enterro da Sardiña no Entroido de Marín / Diego Torrado

A choiva frustrou gran parte das actividades que estaban programadas este mércores no Entroido de Pontevedra e arredores. Pero non en Marín. Alí, a pesar do mal tempo centos de persoas deron o último adeus á Sardiña como é habitual cada Mércores de Cinza.

Desde as cinco da tarde, comezaron os prantos pola 'falecida' no velorio instalado nos arredores do Palco da Música da Alameda. Foron moitas as plañideiras, vestidas dun negro rigoroso, as que presentaron os seus respectos e asinaron no libro de condolencias.

Pero o Ateneo Santa Cecilia tiña organizado un enterro á altura das circunstancias, no que participaron numerosos colectivos -como as comparsas Os da Caña e Os Paparrulos- e persoas a título particular.

E así, a partir das oito, as rúas de Marín acolleron unha marcha fúnebre que atravesou Almuíña, Praza de España, Ejército y Marina, rúa da Ponte e rúa do Sol antes de chegar á Praza do Reloxo, onde se leu un pregón con numerosas referencias á situación política e económica actual.

A continuación, a comitiva seguiu polas rúas Real, Almuíña e Praza de España antes de que como todos os anos o Enterro da Sardiña, o personaxe máis característico do Entroido en Marín, acabase no mar.

Arquivado en