O Concello de Marín denunciou a realización de "actos vandálicos" nos petróglifos de Mogor. Na mañá deste luns foron descubertas estas marcas.
Por parte do centro de interpretación deuse traslado á Policia Local para que elaborase a denuncia correspondente, "tendo en conta que é un acto que provoca dano nun patrimonio que debe ser coidado e respectado por parte de todos".
Estes días o centro volveu abrir as súas portas e é permanente a afluencia de persoas ao recinto.
Desde o Concello fan un chamamento á protección deste patrimonio. "Tratamos de concienciar a todos que o que é de todos debe conservarse e non agredirse, tendo en conta que este tipo de danos non fan máis que provocar problemas na conservación dun patrimonio arqueolóxico de miles de anos", din.