O Concello de Marín prepara unha campaña de información para comunidades de veciños sobre o control e retirada de niños de gaivotas e pombas dos tellados.
"Están empezando a ser un problema y queremos frenarlo", explica a concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, tras recibir queixas de hostaleiros, centros escolares e veciños provocadas pola sobrepoboación destas aves.
Problemas nas baixantes dos edificios ou incomodidades nas terrazas dos locais de hostalaría son as principais protestas recibidas.
Antes de actuar, o goberno municipal encargou un estudo á empresa especializada Larus Control, a mesma que realizou unha campaña similar en Pontevedra, que fixou nun número próximo a 400 as pombas que habitan no centro urbano, ás que se suman 60 parellas de gaivotas que aniñan en tellados de Marín durante todo o ano.
Marián Sanmartín: "Están empezando a ser un problema y queremos frenarlo"
Estes números "pueden llegar a duplicarse" nos meses de verán e cos edificios deshabitados que non se puideron inspeccionar.
Por todo iso Marín destinará algo máis de 13.000 euros en informar os veciños e nunha primeira retirada de niños"con métodos ecológicos que no dañan al animal", sinalou Sanmartín.
Trátase de realizar as tarefas de control da poboación de xeito gratuíto para as comunidades veciñais o primeiro ano, pero despois cada edificio deberá facerse cargo do mantemento.
A retirada de pombas realizarase durante todo o ano, mentres o traballo coas gaivotas centrarase entre os meses de maio a agosto, cando a súa poboación é maior.
Esta campaña diríxese exclusivamente aos veciños de Marín, aínda que dende o Concello recoñecen que é necesaria a implicación do Porto, que xa conta con programas de actuación neste aspecto.
Para calquera consulta a empresa encargada dos traballos habilitou o teléfono 654 831 848.