Marín dá luz verde á proposta de adxudicación do proxecto do auditorio

Marín
14 de xaneiro 2022

A construción do edificio cultural suporá unha inversión total de 4,3 millóns de euros, que serán asumidos con fondos europeos e con cartos da Xunta e do propio Concello

Vestíbulo do futuro auditorio de Marín
Vestíbulo do futuro auditorio de Marín / Concello de Marín

O pleno da corporación que se celebraou este xoves no salón de plenos dará luz verde á proposta de adxudicación realizada pola mesa de contratación para o proxecto de construción do Auditorio de Marín, correspondente á empresa Citanias, á que agora se lle requerirá a documentación correspondente.

Unha vez a empresa acepte a proposta e presente a documentación requerida, a adxudicación volverá de novo ao pleno para ser aprobada de xeito definitivo.

A partir de entón, comezará a contar atrás para o inicio das obras que dotarán a Marín dun auditorio que, segundo o Concello, "marcará un antes e un despois nas posibilidades culturais do municipio".

A proposta de adxudicación fíxose por un importe de 4,3 millóns de euros.

A obra está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea, a través de Marín Dusi, cunha inxección de 2 millóns de euros. Outros dous millóns de euros serán aportados pola Xunta de Galicia, a través dun convenio de colaboración coa Consellería de Medio Ambiente. O restante será aportado polo Concello a través dun préstamo.

Na oferta presentada por Citanias, valoráronse, entre outras cousas, o coñecemento do espazo no que se levantará o edificio, a previsión dos accesos e da circulación de vehículos e peóns, as técnicas construtivas e as calidades propostas, así como as análises realizadas pola empresa licitadora desde o punto de vista medioambiental.