Marín crea unha listaxe de voluntarios para retirar as boliñas de plástico das súas praias

Marín
11 de xaneiro 2024

Por agora, o operativo de limpeza considérase suficiente co persoal municipal polo que o Concello só dispoñería deles se aumenta a cantidade de bólas de plástico e fose preciso convocar brigadas de limpeza de forma coordinada  

Limpeza de bólas de plástico nas praias de Marín
Limpeza de bólas de plástico nas praias de Marín / Concello de Marín

O Concello de Marín creou unha lista de persoas voluntarias para todas aquelas persoas que queiran participar nas tarefas de limpeza e retiradas de pellets nas praias do municipio.

Por agora, o operativo de limpeza considérase suficiente co persoal municipal polo que o Concello só dispoñería deles se aumenta a cantidade de bólas de plástico e fose preciso convocar brigadas de limpeza de forma coordinada.

As persoas interesadas en anotarse nesta lista poden facelo a través do mail [email protected] indicando nome e teléfono de contacto.

Este xoves, efectivos da brigada de limpeza do Concello de Marín e membros do goberno local, así como persoal de Protección Civil, realizaron unha nova rolda de vixilancia por todas as praias do municipio.

Segundo informa o propio Concello "só se volveron detectar pellets na Coviña, estando o resto dos areais limpos". A chegada de bolitas de plástico a esa praia é "nunha cantidade aínda menor da que apareceu onte".

 

Arquivado en