Ata o próximo 22 de maio as empresas interesadas en xestionar a piscina municipal de Marín poden presentarse á licitación pública aberta polo Concello, unha vez finalizado o contrato coa anterior concesionaria.
Antes desa data e para animar ás empresas do sector, o goberno local convocou para o mércores día 15 (10.00 horas) unha xornada de portas abertas na que un técnico municipal acompañará aos interesados.
O novo contrato de xestión da piscina municipal de Marín será de 5 anos, sen posibilidade de prórroga, por un custo total de 2.060.521,10 euros.
A maior parte do investimento, o 85%, estará destinado ao gasto de persoal, estando prevista a subrogación dos contratos do persoal actual.
O obxecto do contrato será a xestión integral do centro deportivo, incluíndo labores de limpeza, conservación, mantemento, atención e información ao público, control de acceso, salvamento acuático e socorrismo, cursos e programas deportivos, vixilancia e control e promoción do servizo para captar novos usuarios.
No que respecta a as actividades ofertadas, será obrigatorio impartir cursos de natación e outras disciplinas deportivas e de lecer como GAP, ximnasia de mantemento, pilates, full body, abdominais, step, ciclo, HIT, circuíto, tonificación, funcional KIDS, zumba, zumba kids, hipopresivos, ioga, ioga infantil, streching, aquagym e aquatonic.